Aquí onde estamos tedes máis información sobre os muíños. Tamén é un lugar especial onde as meniñas e meniños do CEIP Brea Segade aprenden co Proxecto Ríos.

Escoitemos o río

Ola entón! Por fin nos vemos! Agardo que gocedes ao meu carón. Ben has de notar que este aire está máis fresco, máis protexido. Este é un lugar moi antigo, pois eu (o río) levo máis tempo aquí do que ningunha persoa, e comigo as familias das árbores que agora podedes ver.

ONDE ESTAMOS?

Coordenadas

42º 40′ 47.2″ N

8º 48′ 15.5″ W

Este río coidámolo entre todos e todas, a través de moitas iniciativas para mantelo limpo e san.

Unha delas é o Proxecto Ríos:  http://proxectorios.org/

Neste, colaboran crianzas como as do CEP Xosé María Brea Segade, que ano tras ano participan e aprenden coidando do río: aquí tedes o link.

Neste lugar, que se creou polo xogo entre a auga e a terra, brotan árbores de familias antigas, tataranetas daquelas que viron as primeiras persoas que chegaron aquí. Son as que nos acollen neste lugar máxico e agarimoso. Estas árbores son numerosas e diversas, e iso é o que fai que medre o bosque e teña vida. Cada unha destas árbores achega algo particular. Ademais cóidanse entre elas, á vez que coidan dos animais que viven no bosque. Algo parecido lles pasa ás linguas, que tamén se alimentan as unhas das outras, son diversas; hai máis de 6000 linguas no mundo!! e precísanse para que se conserven moitos modos de vida diferentes.

As linguas tamén son froito da natureza… e con elas nomeamos o contorno e dotámolo de beleza e vida. En Galiza nomeamos a natureza ao noso xeito, porque esta é única, diferente á doutros lugares que seguro que coñecedes… Por iso temos que conservar a lingua e o noso medio natural… os dous son fontes de riqueza cultural e natural.

O monte e mais eu somos compañeiros inseparables. Sen ser un, non pode ser o outro, porque mentres a auga que eu levo escarva vai facendo as formas do monte. Tamén as formas do monte me guían a min por onde teño que ir. O monte, como regalo da nosa amizade, deume gardiás para que me coidasen… Todas as árbores que ves ao teu redor: loureiros, freixos, ameneiros, salgueiros… Elas espállanse ao meu carón coma unha comparsa que me coida. Coas súas follas e troncos danme sombra para manter fría a miña auga e darlles acubillo a moitos animais. Tamén eu lles devolvo o favor como podo, doulles a auga para beber, a música que fago ao andar e un camiño que seguir.