Escoitemos o río

Seguro que notaches un cambio na cor da paisaxe, non si? Deixaches atrás as árbores ordenadiñas e plantadas para cultivar, para dar madeira… O que verás agora serán especies vexetais que levan aquí máis do que as vosas avoas poden lembrar. Isto que tes diante é unha pequena fraga, un lugar antigo onde veñen pasando historias desde hai moito tempo.Historias de animais que teñen vidas coma as nosas… e cheas de aventuras, rutinas e sorpresas.

ONDE ESTAMOS?

Coordenadas

42º 40′ 42.5″ N

8º 48′ 11.0″ W

O camiño non chega á fonte porque o pode facer máis difícil, mais tendes as coordenadas por se vos animades a vela.

E vidas, tamén, de seres fantásticos, como a desta historia… A lenda da fonte do mouro, que non está moi lonxe de aquí.

Debaixo desta fonte está enterrado un mouro do que xa non se lembra o nome. Era un ser máxico que andaba polo bosque dun lado para outro. Tiña poderes cos que podía convocar treboadas e maldicións. As xentes da época acudían a el para pedirlle desexos, ou tamén para facerlle agasallos para que non virase a súa maxia contra eles. Os señores máis ricos do lugar enchíano de ouro cando o vían chegar.

Así é que o mouro amasou un tesouro enorme, e cando morreu, enterrouse con el preto da súa fonte favorita, a máis fresca de todas e que ademais tiña un fermoso son de auga ao correr.

Moita xente quixo ir buscar o tesouro, mais o mouro tiña un truco agochado. Puxo un prezo a pagar, unha serpe garda o seu tesouro.
Se tentas perseguilo, a serpe virá a facerche fronte, terás que dicir “culí culí culí” e en contas de paparche enteiro, levarache a onde está o tesouro do mouro, por baixo da fonte e moi profundo na terra.

Enlace á lenda da fonte do mouro

Así fixo moita xente, a quen a serpe levou. O único problema é que non os volvemos ver, se lles cadra forman parte xa do tesouro do mouro.

Ademais das personaxes máxicas e mailos encantamentos, tamén a xente corrente andaba por aquí. Aínda que che pareza mentira, este camiño era percorrido por máis xente da que agora, porque ían por aquí buscar algo moi importante. Agora percorrerás o mesmo camiño que fixeron os nosos avós e avoas, e pregúntoche: Que é o que ían facer ao final do camiño? Antes de chegar ao río?

CONTO

«Os mouros son xeneralmente vespertinos e cando se lles ve é á hora de entre lusco e fusco, e sempre andan coa cabeza cuberta i as mías das veces cun bastón na man. Teñen barba e si quixeran berrar oíaselles a cinco leguas. […] Os tesouros dos mouros están en sacos, ben atados, i un home de Valcarría que atopou un tesouro dos mouros, perdeu cáseque un ano en desatar o saco, que a amarralla tiña máis de mil nós. Cando a tivo desatado apareceron os mouros, pro non lle fixeron nada, que lle pediron permiso pra contar o que había no saco. Contárono e fóronse. No saco había anelos, un peite de ouro, alfinetes de prata, colares y unha pedra moura.

Non sei onde, un home caeu nun furado no monte i atopouse no fondo dunha cova. Nunha pedra había sete cousas de ouro, que cabían todas na súa monteira. Cando estaban enchendo a monteira apareceu o mouro con toda a súa barba.
– ¿Queres quedarte no meu canto? – perguntoulle o mouro ó home.

– ¡Quero irme prá miña casa con iste tesouro! – dixo o home.

O mouro díxolle que estaba sin amo e si o quería levar consigo. O home dixo que non, que soio quería o tesouro, e botouse fóra. I o mouro quedouse no seu sitio e non lle fixo nada. Pasados días o home arrepentiuse do que fixera e levoulle ó mouro unha xerra de mel i uns zocos, que vira que o mouro estaba descalzo. O mouro agradeceulle o agasallo e díxolle ónde había outros tesouros. O home vendeu os tesouros en Lugo e fíxose mui rico.»

Cunqueiro, A. (1964) Tesouros novos e vellos Galaxia. Vigo, 2011