Escoitemos o río

Na banda de aló do río,

ten meu pai un castiñeiro

que dá castañas en maio,

uvas brancas en xaneiro.

O carballo dá castañas,

o castiñeiro cereixas,

o pexegueiro da horta

está cargado de ameixas.

ONDE ESTAMOS?

Coordenadas

42º 40′ 36.7″ N

8º 48′ 17.5″ W

Que tal o paseo? Descubriches xa algunha cousa que non viras? Algunha planta diferente? Ou un verde especial? Os sendeiros sempre traen algo novo, e non só para mirar, senón tamén para os oídos. Escoita, escoita! Ese reguiño de auga é o comezo de todo. Todos os ríos saímos de regatos. De regatos de enriba da terra, e de regatos que van por debaixo, como mananciais. Non hai grande, sen que haxa pequeno antes. Reguiños pequenos que xuntan a auga nos ríos nos que podemos nadar, pescar e gardarnos da calor. As persoas sempre fixeron as súas aldeas, vilas e cidades arredor da auga; de mares e de ríos, e estes fanse de xuntarse tantos fíos de auga que van polo mundo tecéndose para que nós poidamos beber. Ao redor deste regato todo eran leiras, e nas leiras a xente plantaba o centeo, o millo e o trigo; todo tipo de gran que despois levaba ao muíño para que llo fixeran foriña, como lle din por estas terras á fariña. Alucina!! Non ían á tenda mercar fariña, levaban o grao alí e moíano para facela!

Se queres deterte aquí a escoitar un pouco de música, cremos que che pode gustar esta canción sobre os paxaros, logo non esquezas prestar atención a ver se oes algún paxaro de verdade durante o camiño. A canción é de Magín Blanco, a quen agradecemos a súa xenerosidade.