Punto 2: O monte

As cabras tiramos ao monte… polo que comezamos por este camiño de leiras e toxeiras ata que cheguemos ao río. Fixádevos ben no que ides atopar e prestade moita atención ao noso guía, o río Te.

Escoitemos o río

Que ben que esteades aquí! Sabedes unha cousa? Non todos os lugares onde hai árbores son bosques ou fragas. O bosque é un lugar onde diferentes especies de árbores, plantas e todo tipo de pequenos animais viven xuntos e se axudan.

ONDE ESTAMOS?

Coordenadas

42º 40′ 30.4″ N

8º 48′ 21.0″ W

Punto 2: Vexetación

Pero ás veces, as árbores tamén están nas leiras e toxeiras. Antes, as toxeiras, estaban “a toxo”, que se usaba para coidar os animais. Agora, sobre todo, teñen árbores plantadas para a madeira. Todas seguidas e do mesmo tipo para que dean a maior cantidade posible, coma quen planta patacas. Desde hai uns anos é moi común que se plante para aproveitar a madeira. Unha leira chea de eucaliptos non é un bosque, para ser un bosque ten que haber diferentes árbores e especies convivindo. O malo é que como se poñen moitas e se cortan cando medran e se volven a poñer, van chuchando todo o alimento do chan, deixándoo cada vez máis seco.

Ademais, hai algunhas especies de árbores que cando elas están, é máis difícil para as outras especies medrar. Chamámolas especies invasoras porque precisan demasiada terra e fan que as outras árbores non poidan medrar. Por iso nos preocupa… Agora ata as propias institucións están a regular este tipo de “cultivos”, xa que está demostrado que non son beneficiosos desde o punto de vista ambiental.

Pouco a pouco vanse expandindo sen deixar que nada máis medre, e por iso temos que mirar por controlar o seu avance. Nesta paraxe verás algunhas especies invasoras, como o eucalipto ou a acacia negra.

Estas especies pertencen a outros lugares, e as persoas trouxémolas de lonxe… adaptáronse moi ben, crecen e dan madeira en moi pouco tempo, mais polo seu carácter invasor deberiámolas ir eliminando dos lugares onde son un perigo, como neste bosque de ribeira, para protexer a outras plantas que se ven ameazadas por elas.

Ollo ao piollo! Non é que sexan malas, as herbas malas NON existen. O que pasa é que medran e viven de diferente xeito. En moitos casos rematan por adaptarse ao equilibrio da zona, mais noutros casos non, ocupan elas todo o sitio facendo que outras non poidan vivir. Sobre todo pasa isto cando son as persoas quen fan as plantacións e poñen e quitan as especies en moi pouco tempo sen repoñer o alimento do solo.

As plantacións intensivas de especies pirófilas, coma o eucalipto, corren risco de acoller lumes moito máis rápido que as florestas mixtas con diversidade de especies.