Benvidas e benvidos á Ruta do Apego de Rianxo polo río Te!

Escoitemos o río

Ola ola, como estades?

Preséntome, son o río Te e paso polas parroquias do Concello de Rianxo no meu camiño desde a montaña ao Mar. Penso que viñestes buscar por min, non si? Aínda vos queda un camiño que andar polo bosque ata dar comigo. Seguro que non é a primeira vez que vindes, ou polo menos estivestes nun bosque semellante.

ONDE ESTAMOS?

Coordenadas

42º 40′ 28.5″ N

8º 48′ 24.4″ W

Desta volta, tentareivos contar algunha cousa nova. Nova para vós, pero que son moi vellas; segredos deste lugar para que poidades sentir un pouco máis este camiño que estades por percorrer.

Pero, lembrade! O bosque non está aquí para vós, non é un decorado nin un escenario, é un lugar vivo no que habitan moitas criaturas e cousas que medran. Todas esas cousas son únicas coma a vida que vós tendes, ningunha é igual a outra, xa que no bosque nada se repite.

Fixádevos ben no que hai; ao longo do camiño atoparedes sinais indicativos para non perdervos e tamén con contidos educativos: contos, curiosidades, música…

Para aproveitar ao máximo esta aventura, podedes usar o caderno de campo. Non o tendes? Podedes recollelo no Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Rianxo ou descargalo aquí. Nel atoparedes xogos para facer durante o camiño, información adicional… Así nunca esqueceredes esta experiencia!

Tamén podedes consultar a listaxe de árbores que atoparedes durante o percorrido. Vexamos se podedes conseguir unha folla de cada!

Se che gusta a canción que compartimos, podes deterte cando queiras a escoitala. É o canto dos maios, canción popular rianxeira recuperada polo traballo do Cancioneiro escolar urxente de Rianxo.